Parada 9. Oficina de Correos


Versión en audio


Localización

Soportais da oficina de Correos da rúa do Franco (mapa)

Os fotógrafos viaxeiros até os anos 20 céntranse sobre todo nos monumentos composteláns e a xente poucas veces ten un protagonismo central, como nalgunha de Charles Thurston Thompson ou de Lucien Roisin, especialista en postais, de moda no século XX.

O visitante máis importante para nós é Pelai Mas, que vén sendo o fillo do fotógrafo propietario do Arxiu Mas, aquel que lle ofrecera a Ruth darlle aulas prácticas. Estivo en 1919 documentando Galiza durante seis meses. Centrado no patrimonio artístico e monumental, tamén repara en aspectos da vida cotiá, como xa vimos.

A nivel galego houbo intentos de formar arquivos fotográficos de arte, monumentos e costumes, como o da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, impulsada por Casto Sampedro, lembrades que coñeceu a Ruth? Aínda que esta sociedade centrou a súa atención na arqueoloxía e non nos costumes. O Seminario de Estudos Galegos realiza unha importante catalogación iconográfica e crea en 1926 o “Arquivo gráfico”, que se alimenta sobre todo das fotografías arqueolóxicas e arquitectónicas tomadas nas campañas de investigación ou “xeiras”. Moitas son do compostelán Ksado.

Debe destacarse que Ruth e Alfred non pasean exactamente a mesma cidade ca nós. Por exemplo, Ruth fotografa a cuncha que aínda hoxe se ve no arco da porta de entrada a Correos e pregunta ao cóengo que significa, ao cal el responde “Ese edificio antes pertencíanos”. O edificio ao que se refire era a “Casa Grande” construída no séc. XV polo Cabido, e que a Telefónica manda derribar en 1929. Mesmo na praza das Praterías, que fotografou Ruth, aínda existían as “casas de Espinosa”, derrubadas en 1939 substituídas polo polémico Banco de España. Tamén é curioso constatar como a accesibilidade era mellor daquela, xa que até os anos 50 non se constrúen as escaleiras no arco que dá á Praza de Afonso XII ou do Hospital, hoxe Obradoiro, como se ve nunha fotografía de Ruth, ou as que dan á Praza dos Literarios, hoxe Quintana. Tamén a fonte do Toural estaba daquela coroada por unha estatua de Marte. A lenda conta que se parecía a un xeneral liberal, polo que foi substituída en 1948 por unha especie de ánfora.

Para Ruth sería moi sorprendente volver a Compostela en 1928 e non encontrar xa en Mazarelos a fonte que alí había. No seu lugar puxeron a estatua de Montero Ríos que pasou doce anos no medio do Obradoiro. E a fonte? É a que hoxe está na praza de San Roque. Son moitas as diferenzas que poderíamos destacar, como a desaparición da igrexa da Trindade ou cuestións máis prácticas, ao estilo dos carros que Ruth retrata nos arredores da Alameda. Chama a atención hoxe que houbera unha praza de touros, e máis aínda que Ruth retratase o seu uso para xogar ao fútbol, deporte moderno daquela. Fóra do centro da cidade, que tamén tanto mudou, Ruth tirou fotografías como a dunha caseta do fielato que cobraba os impostos das mercadorías antes da entrada na cidade, unha das lavandeiras ou outra que describe como “xogos de domingo á tarde na periferia”. Unha foto máis: a praza de Galicia. No que hoxe é o Hotel Compostela está en 1924 o Teatro Royalty e, en fronte, está en construción o Quiqui Bar, futuro edificio Castromil, inaugurado en 1926.

Hotel, teatro, bar… Estas palabras contrastan coa Galiza retratada por Ruth, mais axudan a percibir unha cidade e un país en plena transformación. Ela testemuña o desequilibrio entre a modernización e a inercia da sociedade agraria e do caciquismo, que Primo de Rivera no inicio da ditadura quere combater. O que non é tan perceptíbel no traballo de Ruth é a innovación tecnolóxica que se aplica no rural, mais, lembremos, á Hispanic interésalle documentar as formas de vida tradicionais, e non, por exemplo, a Misión Agrícola de Pontevedra. Tampouco reflicte o impacto da emigración ou a emerxente vida cultural e deportiva. A pesar desas ausencias, a obra de Ruth transmite, con respecto e dignidade, ese momento de transición da nosa sociedade.

Vaiamos agora para a seguinte parada na rúa de Entrecercas.