Parada 8. Pazo de Fonseca


Versión en audio


Localización

Pazo de Fonseca (mapa)

Imaxinémonos nos Estados Unidos de finais do séc. XIX. Nace un novo ideal de beleza feminina, son as Gibson Girls: modernas porque estudan mais convencionais porque procuran marido e nunca pedirían o voto feminino. A este fenómeno contraponse a New Woman, que desexa maior autonomía, reivindica novas actividades para a muller, é sufraxista e enmárcase na primeira onda do feminismo. Exemplo de Nova Muller sería a pioneira fotógrafa Frances Benjamin Johnston.

Neste contexto, George Eastman comercializa en 1893 unha cámara portátil, barata e de fácil uso. Anúnciaa para a muller moderna, que chama Kodak Girl: nova, independente e traballa na casa e fóra dela. Facilita así a incorporación da muller á fotografía. De facto, se nos Estados Unidos había na década de 1890 ao redor de 300 fotógrafas, serán 5 mil na de 1920. Existe a percepción de que as mulleres poden desempeñar ese cargo, como antes fixeran de bibliotecarias. Iso a pesar de que nos comezos se considera un pasatempo para elas.

Xorden grandes fotógrafas, como Gertrude Käsebier, que impulsa a entrada de rapazas na escola de Clarence White. Ruth, por tanto, non é unha excepción, tampouco no rexistro de formas de vida tradicionais. Temos o exemplo doutras alumnas de White, como Laura Gilpin, Doris Ulmann ou Alice D. Atkinson, que tamén traballou na Hispanic.

A diferenza de Ruth, algunhas das súas coetáneas implícanse na política, teñen proxectos fotográficos propios ou reivindícanse como artistas. Ruth, por outro lado, especialízase en traxes rexionais e a Hispanic noméaa conservadora do traxe en 1954. Talvez iso explique que non apareza mencionada en moitas publicacións sobre fotografía, a pesar da calidade da súa obra. Ao mesmo tempo, non se enmarca nas principais tendencias da época, que transitan entre o pictorialismo e a fotografía directa. Ruth, de feito, formouse no pictorialismo, representado por Clarence White, que ve a fotografía como arte, aproximándose á pintura e propondo intervir manualmente sobre o negativo. Como xa comentamos, desta tendencia aprendeu sobre todo o uso da luz, tan útil en traballos como este, como se percibe na imaxe en que aparece Ruth no Sar á procura do mellor ángulo. En cambio, por ocasións parece máis próxima á fotografía directa, que dá prioridade á linguaxe da cámara, sen intervir as imaxes nin buscar poses forzadas, cun diálogo máis directo coa realidade.

Isto non quere dicir que Ruth non sexa esixente técnica e profesionalmente. Estando en Galiza desenvolve o seu propio ideario. Desexa mostrar a través das imaxes ideas que xeren coñecemento. Opina que a fotografía ten dúas propiedades que se producen ao unísono: a primeira documenta, por exemplo, unha árbore no seu lugar físico, e a segunda revela a vida interior desa árbore, silenciosa e invisíbel.

En Compostela até os anos 20 só encontramos dúas fotógrafas. Unha é María Cardarelly, que tivo un estudio no Hórreo entre 1864 e 1866, coñecida hoxe polas fotografías que fixo de Rosalía de Castro. A outra é Juana Cabello, que monta un estudio no Franco ao redor de 1884, e despois aluga outro no Vilar, aínda que falece pouco despois. No resto de Galiza houbo outras fotógrafas profesionais, aínda que non chegan á ducia, como Cándida Otero. Contemporáneas a Ruth encontramos en Mondariz-Balneario a Luísa Pardo e, desde, 1926 a súa sobriña, Rosina. Tamén en Mondariz traballa Isabel Crespo, retratista que ten unha galería fotográfica no balneario.

Viaxamos moi lonxe nesta parada e nós en realidade perseguíamos a Ruth e Alfred naqueles primeiros días composteláns. Ruth quéixase do clima, que non deixa secar as toallas, e teme que lle medren arañeiras entre os dedos pola humidade, aínda que

O máis difícil de soportar foi que o barbeiro que me lavou o cabelo non tiña nada con que secalo e marchei con pingas escoando polo pescozo. Debería saber que non tiña que ir ao barbeiro; en Santiago as señoras peiteábanse na casa.”

A pesar de todo, encántalles a cidade: cando chove percorren os soportais, toman té no Café Suízo da Rúa Nova, cuestionan a autenticidade dalgúns peregrinos, fotografan crianzas xogando á buxaina ou, ás agachadas, dous namorados

A isto chámaselle pelando la pava ou rascando la pava, o cal, traducido literalmente, soa bastante desagradábel, aínda que debe ser máis pracenteiro do que soa, porque seica é unha das principais ocupacións dos estudantes universitarios. Talvez neste caso aos novios lles cause unha dislocación permanente de pescozo, xa que permaneceron horas nesa postura.”

Neste Pazo tira dúas fotografías que ben poden representar o pictorialismo e a fotografía directa.

Vaiamos agora até Correos, onde entramos xa no último terzo do paseo.