Só uns meses despois de terminar a primeira expedición, Ruth retorna para continuar a recompilación de material sobre Galiza e agora suma León. Acompáñaa Frances Spalding, colega da Hispanic. Serán sete meses de traballo, entre decembro de 1925 e maio de 1926. Se co pai foi estrita, a Frances, un día que non se encontra ben, Ruth dille en ton firme “primeiro acabamos isto e despois xa que podes enfermar”. Na Coruña alugan un coche e bautízano como “Nuestra Señora”. Na parte traseira mandan instalar unha caixa para o material que Ruth nomea Aaron, que serve de asento improvisado para autostopistas. Gañan independencia e chegan onde non puidera na anterior viaxe. Tampouco terán que volver contratar mulleres para carrexar a pesada equipaxe, ao que moito recorrera con Alfred.
Agora que non hai un home ao carón, El Compostelano di que son cultísimas, mais
“En España, donde la mujer célibe, la señorita, cualquiera que sea su edad, precisa convalidar en la vía pública su personalidad, con la compañía de familiares, institutrices o domésticas, parece algo peregrino el simpático alarde de autonomía individual de estas dos damas extranjeras, que provistas de automóvil propio y sin más compañía que una hermosísima cámara fotográfica, cruzan los pueblos y aldeas gallegas (…).”
No Faro de Vigo escollen outro enfoque e din que
“Hemos conversado largamente con ellas y la impresión que nos causaron es que la mujer norteamericana une a su cultura una exquisita feminidad y no el tipo varonil que engañosamente y a través de las revistas y periódicos muchos conciben, sino que las condiciones de igualdad educativa que reciben ambos sexos, las dan la soltura y el aplomo que creemos es inherente a la extranjera y es única y exclusivamente producto de la formación escolar.”
Ruth e Frances pasan tres veces por Compostela, sobre todo debido a unha encarga específica da Hispanic: rexistrar a apertura da Porta Santa, xa que 1926 é Ano Santo. Mais o 31 de decembro chove tanto que dubidan que haxa procesión. Por se acaso, pagan aos carpinteiros para fotografar a Porta Santa cando preparan as decoracións eléctricas. O cóengo promételles un permiso para acceder á balaustrada sobre a porta, onde estarán familiares da casa do Arcebispo. Mais á hora da procesión aínda diluvia e non hai ninguén na balaustrada. Encontran entón a Narciso Correal, escritor que coñeceran na Coruña. Grazas a el entran na Catedral e conseguen o mellor sitio, entre o coro e a capela maior, en canto
“todo o mundo fitaba como o gordo señor Correal guiaba dúas forasteras, cargadas co leviatán (a cámara reflex) e os seus accesorios”.
Si, Leviatán tamén é o nome que lle poñen a unha das súas cámaras, polo seu enorme peso. Ben situadas, ven partir a procesión e logran saír entre a multitude, a pesar dos seis quilos de Leviatán, e gorécense á dereita da Porta entre monxas e policías até que ouven un golpe e pedras a caer. Saen do refuxio e fotografan o que non logra ver o resto do público: o Arcebispo que atravesa o a Porta Santa. A pesar da lente comprada para a ocasión, o resultado final
“é apenas unha representación moi espiritualizada dun arcebispo, unha cruz e cinco sacerdotes aínda más etéreos.”
Xa sabemos o autoesixente que é Ruth, mais neste caso as inclemencias non axudan e confórmase con anotar que o día seguinte foi “brillantemente fermoso”.
Na expedición co pai volvía constantemente á Catedral, que compara cunha colmea inmensa. Fará múltiples fotografías do interior, como o dunha muller rezando fronte á capela de Mondragón, ou o dun feixe de luz no transepto, demostrando o seu dominio da técnica da luz aprendida na escola de Clarence White. Talvez Ruth nunha das visitas admirou o novo retablo da capela das reliquias, obra do compostelán Maximino Magariños, e por iso retrata o seu obradoiro na Porta da Pena.
Vaiamos agora para o Pazo de Fonseca.