Parada 6. Rúa das Casas Reais


Versión en audio


Localización

Rúa das Casas Reais (mapa)

Ao pouco de chegaren a Galiza, Ruth e Alfred descobren “unhas cousas negras que parecían pés de galiña”, ou sexa, percebes, ou unha “masa de pan cocida en contorsións circulares”, é dicir, empanada. E non sempre entenden o que lles din, como un mariñeiro de Raxó que fala “galego enxebre”, máis difícil de entender que o grego. Móvense en autobús, tren, coche, barcas, a pé con carrexadoras, en cabalo ou en mula. En cada localidade que visita, a estratexia de Ruth é ir presentándose aos poderes locais: cura, alcalde, mestre ou médico. Son fontes de información e documentación, que a axudan a integrarse e danlle cartas de presentación. Dos curas anota que son os seus mellores amigos e que

(…) teñen máis contacto coas mulleres que cos homes, sumado a que o coñecemento da seita feminina adquirido no confesionario fainos moi sabios, e saben exactamente como recibir e entreter ala extranjera. Chámanme ‘hija mía’.”

En Compostela o contacto é Robustiano Sández, cóengo da catedral. Outros son José Otero Rúa, César Vaamonde Lores ou Casto Sampedro, este tan desprezativo que lle di “Vaite e volve cando saibas algo!”, aínda que acabará regalándolle un libro. Coa xente que fala na rúa a relación é fluída e ir co pai dálle acceso a recintos masculinos, aínda que as informantes predilectas son as mulleres, que traballan tanto na casa como fóra, no rural ou na vila, como unha nena co pan na cabeza que fotografou na rúa das Orfas. Ruth é benvinda nas cociñas, e afumados talvez saíron da taberna de Ézaro onde proban filloas de millo, as súas favoritas. Axuda que o seu castelán mellora, aínda que se preocupa pola súa calidade. No seu libro repasa a historia do galego, as diferenzas co castelán e traduce a inglés poemas de Rosalía, cantigas medievais e cantares populares. A pesar disto, descoñecemos o seu dominio do galego.

Para desgraza de Alfred, Ruth é intensa e traballa até os domingos. Érguese moi cedo, e o seu íntimo Leviatán érguese con ela, como conta Alfred

O xoves pola mañá, Ruth chorou un pouco porque pensa que a composición das súas fotografías non é tan boa como debería. Entre lágrimas díxome, ‘Sei que existen composicións bonitas por toda España, mais non consigo velas!’”.

Desanímana imaxes compradas ao Arxiu Mas, de Barcelona. Dubida se o fará tan ben. Escribe á súa irmá Mim, que leva o estudio familiar, e fai a broma de que lle pedirá traballo se a despiden. Ao propietario do Arxiu Mas pregúntalle por carta dúbidas técnicas e el ofrécelle o fillo para darlle aulas prácticas. Ruth négase, afrontará soa as súas “incapacidades” e continuará na súa “loita para perfección” sen preocuparse polos inconvenientes. Na Hispanic lémbrana dicindo “a comodidade abúrreme”.

A Hispanic e Huntington vanlle facendo preguntas e suxestións sobre o que envía. A revisión é constante, e Alfred está canso, non paran, e se chove aproveitan para revelar. O diñeiro escasea e Ruth escribe ao banco para que lle fagan remesas. Polo Nadal a nai envíalles cartos, cos que pagan en Lugo que lles fagan un retrato xuntos; aparecen cos zapatos sucios e desgastados e a roupa engurrada, mais Ruth sorrí, Alfred non tanto. Así, en xullo de 1925, e despois de visitaren tamén Asturias e Cantabria, terminan once duros meses de expedición. A pesar de todo, Alfred afirma que Galiza é o país máis lindo que nunca viu.

Xa case esquecemos por que estamos aquí! Como se mostra en dúas fotografías desta rúa

Os baixos estaban alugados a cafés e tendas onde as mercadorías nos días de feira estaban visíbeis de forma sedutora: alegres alforxas listadas con cores sobre fondo vermello, negro ou branco; cobertores de la branca con faixas vermellas e verdes cepillados até formar unha penuxe suave e luxosa; paraugas negros en fundas de papel branco, vélaro para berces e botas de viño de coiro castaño.”

Ao lonxe ouven o chirrío dun carro; os campesiños dinlle que os bois gustan do renxer das rodas, que vale tamén de “claxon” nas encrucilladas. Nas vilas opinan diferente, e piden aos carreteiros que engraxen o eixo antes de percorrer as súas rúas. Como mudou a rúa! Avancemos até a Porta Santa.