Parada 5. Praza de Abastos


Versión en audio


Localización

Praza San Fiz de Solovio (mapa)

Esta expedición que perseguimos hoxe, a de 1924, é a primeira liderada por Ruth. Antes de comezala, despídena da Hispanic para que sexa autónoma.

O meu cómodo e seguro salario esvaeceu, e de aí en diante debería gastar segundo o que fose cobrando polas fotografías de traxes, casas de campo, igrexas, paisaxes, carros, barcos, redes, arados, obxectos de arte ou escenas populares que fixese ou comprase e remitise á Society. A Society fixo un acordo moi xeneroso cando me despediron e ese diñeiro gasteino en equipamento fotográfico.”

A encarga é compilar durante un ano información sobre traxes rexionais, mais o fin último é recoller evidencias que expliquen costumes, ideoloxías, crenzas, sentimentos… que informen sobre como concibimos o mundo e onde nos situamos nel. A misión parece imposíbel. Huntington incítaa a guiarse polos cadros de Sorolla e a advertencia que lle fixera no seu primeiro encontro gaña novas dimensións:

Todo é un experimento, non hai certeza do resultado.”

É o maior desafío ao que se enfrontou até o momento. O incerto para ela é similar a un pequeno Leviatán, un monstro que ameaza co caos, e prepara a viaxe a conciencia. Crea esquemas de investigación co que debe conseguir e como facelo, consulta mapas, anota posíbeis contactos, traza itinerarios, le todo o que ten a Hispanic sobre a zona e obras da Pardo Bazán ou de viaxeiros como Bell ou Richard Ford. Ford conta que cando chegan estranxeiros ás aldeas todos pensan que veñen cheos de riquezas e a nova esténdese como un incendio, atraendo “mala xente”, sobre o que Ruth anota

Se ese é o resultado da aparición dun tranquilo cabaleiro americano, (…) que aparello sismográfico sería tan potente como para rexistrar o efecto cataclísmico cando quen pasa é unha “señorita” americana que sabe como se chaman os coellos e os ‘golpes’ necesarios para facer un raíl (…)”.

Esta percepción vese reforzada nalgúns lugares,

Fomos os primeiros americanos en chegar ao Pindo, polo menos desde o Neolítico, e o estraño espectáculo dunha muller facendo fotografías deu aos habitantes suficiente material para lembrar e especular até a próxima invasión.”

A Hispanic dille o que debe fotografar, o tamaño, prezos e condicións de reprodución das fotografías, ou a forma de envío. Para centrarse no que interesa, mándana comprar imaxes a fotógrafos locais. En Galiza comprará máis de mil. Encárganlle ademais fotos específicas para completar outras investigacións, como do interior da Catedral, por exemplo.

Ruth copia detalles dos cadros de Sorolla nun caderno que nomea a súa “Biblia en España”, en homenaxe ao libro de George Borrow. Por último, Ruth debe tomar notas das fotografías para saber catalogalas. Tamén lle aconsellan levar un caderno de campo, onde anotar vivencias, asuntos históricos ou outros detalles, pensando en futuras monografías por localidades, ou no libro Gallegan Provinces. Pontevedra and La Coruña que publicará en 1939 como resultado das viaxes a Galiza.

Falta un detalle relevante, quen a vai acompañar. Ruth proponllo ao pai, fotógrafo experimentado. Alfred acepta encantado. El respecta moito o traballo da filla e decide non facer fotografías nin xulgar as que ela faga. Limitarase a revelar e solucionar imprevistos. Agora si, Ruth está preparada e mira de fronte o potencial caos. Como fai na coñecida fotografía en Oseira, a única que case poderíamos asegurar que fixo Alfred.

Como intuiredes, por aquí acaban de pasar filla e pai. Alén de asaltaren varias mulleres e homes como os da anterior parada, tiran fotografías de como preparan os postos ou das vendedoras de verduras.

Vamos agora seguilos até as Casas Reais. Alí continuaremos a falar de como lles vai.