Cando o autobús se detén, Ruth abre os ollos e ve que unha “cuadrilla de bruxas barullentas se arremuíña ao redor del”. Chegaron a Santiago. A súa primeira impresión é que en Compostela é habitual recibir xente estranxeira, non como noutras vilas galegas que toleran a súa “estranxeiría” con “tranquilidade e bo humor”. O pai contrata un carreteiro para transportar a bagaxe coa idea de entraren de forma discreta e pacífica na cidade. Mais cando Ruth está indicando ao carreteiro cales son as súas pertenzas, aparece unha muller que lle arrebata das mans unha cámara. O policía alí presente dálles as costas e ignora a situación. É evidente que para recuperar a cámara, terán que contratar tamén a muller. Conta Ruth que:
“Cando partiu a procesión, ela ía á fronte máis arrogante que un triunfo romano, exhibindo o desproporcionado da súa carga e espertando con cánticos mexeriqueiros as rúas arcadas, en canto nós, enfurecidos e humillados, iamos na retagarda. Por sorte, ninguén nos prestou atención, nin sequera cando varios rapaces se uniron felices berrando, “Ingleses! Spik Inglis? One penny, one chilleen!”
E así, en procesión, pasan por aquí. Nós deixámolos avanzar e falamos un pouco máis. Ruth estivo cinco veces en Compostela, sumando 43 días de estancia entre 1924 e 1926, e neste tempo fixo sobre 565 fotografías na nosa cidade, a grande maioría nunca mostradas. Foi a localidade galega na que máis tempo pasou.
No Toural retrata unha muller cun carro e desde o Cantón fotografa unha castañeira cunha crianza baixo os soportais. Desde aquí tamén fotografa as leiteiras, que descobre grazas aos campaneiros que os acordan tan cedo que ás sete topan trinta leiteiras que veñen das aldeas vender leite ás criadas.
Unha curiosidade, en agosto de 1924, meses antes de chegar Ruth, durante a rodaxe da primeira versión cinematográfica de “La Casa de la Troya”, o director de fotografía, Josep Gaspar i Serra, fixo excelentes fotos, entre elas varias destas mesmas leiteiras.
Agora avancemos até o Hotel Suízo, que xa perdemos de vista a procesión.