Soben o outeiro e chegan ao souto onde todo conflúe. Ruth fala coa xente e observa cada detalle, como os grupos de persoas e animais que se xuntan ao redor das árbores para negociar. E, por fin, descobren o que non toparan en Vigo, vestixios do traxe tradicional: chapeus de feltro, zocos, pantalóns de pana, panos coloridos, e mesmo un pedazo do cadro de Sorolla nun campesiño. Desapegámonos aquí de Ruth e Alfred, que van visitar o pazo de Oca, onde nunha taberna só terán de almorzo dinamita líquida, ou sexa, augardente, para despois percorreren parte da provincia.
Ruth fará máis expedicións: a Estremadura, Marrocos, Canarias, Portugal ou Brasil. Cada vez máis centrada nos traxes, aínda que sen perder o seu contexto. Retorna a España repetidas veces, aínda que a finais dos corenta verifica a perda case total do uso do traxe típico. Na Hispanic organiza unha exposición sobre danzas, escribe monografías, participa en publicacións colectivas, mais sobre todo, é lembrada por obras como Gallegan provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña, de 1939, de onde tiramos parte das citas, e Hispanic Costume, 1480-1530, de 1979, sobre indumentaria histórica que supón a culminación da súa carreira. Non sabemos se regresa a Galiza despois de 1926, aínda que fica marcada, tanto que unha compañeira de traballo a chama “la gallega”, e nas celebracións do museo sempre pendura do pescozo a típica cruz de ouro coa fita negra de veludo do traxe tradicional galego.
A influencia dos cadros de Sorolla manterase e Ruth traballa até a xubilación na sala onde aínda están expostos hoxe. A estas alturas xa non estrañará saber que mesmo xubilada traballa na Hispanic, esa institución que tanto transformou a moza de Nebraska. Tamén a nivel relixioso, para desgusto de Alfred, xa que trocou o baptismo pola Ciencia Cristiá, profesada por compañeiras de traballo, centrada no poder curador da oración. De feito, xa maior négase a ir ao médico e usa a oración para curar unha ferida no pulso. Falece en 1983.
O seu legado fotográfico componse de máis de quince mil fotografías, 5249 delas feitas en Galiza.
A vontade de superación destacou sobre outros na súa traxectoria. A vida presentoulle retos e obstáculos constantes. En 1977 pedíronlle un consello para a nova xeración de fotógrafas, e, apelando á perseveranza, exclamou “Continúa, faino! Trae os resultados!”.
Neste paseo quixemos renderlle homenaxe, e para facelo tentamos documentar non só o exterior, senón tamén revelar parte do seu interior, aínda que iso implicara descubrir obstáculos, Leviatáns, ás veces físicos, outras invisíbeis. Nós descubrimos alguén que, con respecto e dignidade, nos regalou 5249 oportunidades para descubrir, ou non, os nosos propios Leviatáns.
Moitas grazas pola túa atención, oxalá desfrutaras do paseo.