Parada 11. Colexio San Clemente


Versión en audio


Localización

Fronte ao actual IES Rosalía de Castro, preto da entrada ao Paseo dos Leóns da Alameda (mapa)

Todas as referencias que encontramos sobre libros de viaxes consultados por Ruth teñen en común a autoría masculina: George Borrow, Richard Ford, Huntington, Aubrey Bell… Que obras feitas por mulleres puido consultar? Centrándonos nas que publican en inglés e próximas a Ruth no tempo, está, por exemplo, a norteamericana Katharine Lee Bates, para quen Galiza é rústica, ignorante e supersticiosa, aproximándose así á opinión maioritaria dos visitantes oitocentistas. Mellor opinión plasma a británica Annette Meakin en Galicia. The Switzerland of Spain, que, por certo, visita aquí a colección privada de Ricardo Blanco-Cicerón, chea de obxectos artísticos e arqueolóxicos, con boa biblioteca e arquivo fotográfico. En Compostela, Blanco-Cicerón é o máis parecido que hai a un Huntington! (Aínda que, neste caso, o coleccionismo case arruína a Ricardo.) A feminista británica Catherine Gasquoine Hartley destaca a beleza de Santiago, e a hispanista norteamericana Georgiana Goddard King visítanos coa fotógrafa Edith H. Lowber en 1913 e 1916, con financiamento da Hispanic, e publicará un libro sobre o Camiño de Santiago.

Ese libro de Georgiana é a guía que utiliza nas súas peregrinacións Edith Wharton, autora d’A Idade da inocencia e primeira muller que gaña o premio Pulitzer. Edith fai o camiño dúas veces nos anos 20. En 1925 hospédase tamén no Hotel Suízo, que é “Rudo, mais non demasiado ruín. Comida bastante boa”, aínda que o fai en setembro, cando Ruth prepara en Nova York a segunda expedición e Alfred se repón en Nebraska.

Meses antes de chegar Edith, encontramos a Ruth nunha mañá solleira no cuarto do hotel, a falar con Concha, empregada que esquece traerlle azucre e unha culler co almorzo: está despistada pensando que “É xoves e o meu mozo vén á feira co gando”. Ruth e Alfred levan semanas á espera dun xoves sen chuvia, así que saen cedo e encontran por todos lados

porcos, becerros, vitelas, vacas e bois, acompañados de cabalos, burros e humanos, que confluían nas carballeiras de Santa Susana na Ferradura.”

Nesta altura é cando fai unha fotografía mirando cara ao actual Instituto Rosalía de Castro, e conta que

Primeiro veu un pelotón de lustrosos porquiños de un branco rosado, desfilando con longas e ridículas patas de cadeliño. Os xefes do pelotón eran dúas campesiñas, unha de cada lado, portando varas con follas, indiferentes ás parvadas dos porcos ou de quen for, máis catro homes na retagarda, que confiaban máis no vocabulario desdeñoso que nas varas. O pelotón pasou gruñindo e chiando, e virámonos para ver por última vez os rabos enroscados e desenroscados balanceando no souto. Despois viñeron dous porcos máis grandes, controlados ambos por medio dunha correa na pata traseira. Cando a dona parou para meter a man nun peto por debaixo da súa saia azul de algodón, fixeron desesperados intentos a tres patas de abandonala. Porén, as correas resistiron e os porcos avanzaban cos rabos desenrolados como e cando ela decidía.”

Antes de perseguiren os porcos, retratan mulleres descansando despois de camiñar moitos quilómetros para viren á feira.

Vaiamos entón até a nosa última parada, Santa Susana.