Desde este lugar Ruth fotografou unhas vendedoras carrexando a palla na cabeza. A Ruth e Alfred non lles chama a atención este sistema de transporte, xa documentado pola Hispanic noutros países, o que si alarma a Alfred é que aquí
“As mulleres fan a maior parte do traballo duro, como descargar leña, carrexar carbón etc. “
En varias ocasións teñen que contratar mulleres, como no Pindo, e conta como
“Unha muller levou as nosas catro maletas ao autobús cando marchamos de Noia – dúas na cabeza e unha en cada man – como é habitual”.
Son moitas as instantáneas que fai Ruth por todo o territorio de mulleres portando o correo, leite ou algas. Tamén encontramos en varias imaxes dela nenos portadores, nun caso de ruletas para venderen os barquillos, aquí na Alameda.
Vaiamos para a penúltima parada, fronte ao Instituto Rosalía.