Parada 1. Praza de Fuenterrabía


Versión en audio


Localización

Praza de Fuenterrabía (mapa)

Ruth fixo dúas expedicións a Galiza: a primeira comeza en 1924 co seu pai, Alfred, e a segunda en 1925 coa súa colega Frances Spalding. Pasou aquí en total máis de once meses desenvolvendo un dos traballos fotográficos máis intensos e profundos feitos nunca sobre o noso país. Neste paseo tentaremos responder diversas preguntas: por que, para que e como o fixo?

Para comezar propomos imaxinar que estamos no centro dos Estados Unidos a finais do século XIX: a nena Ruth nace nunha granxa de Nebraska, estado que leva pouco colonizado, despois de obrigar as tribos nativas a “cederen” o territorio. O terreo é difícil de cultivar e a vida severa, mais a modernización do campo e a chegada do ferrocarril fan medrar a poboación, sobre todo con emigración europea, como a familia sueca do pai. Ruth medra nunha realidade dura e que marca a súa visión da vida de entrega e esforzo. A familia instálase en Kearney e monta un estudio de fotografía, especializado en panorámicas e retratos, onde ela axuda ao saír da escola. O pai, Alfred, fai e revela as fotografías e a nai, Alma, leva a casa, as tres fillas, axuda na contabilidade e retoca as fotos. Os domingos na igrexa baptista marcan tamén a vida familiar.

A Ruth moza xa dubida. Titúlase como mestra na universidade, mais non exerce. Tampouco cumpre o soño adolescente de casar e formar unha familia e o estudio familiar fáiselle pouco. Desexa profesionalizarse como fotógrafa e dubida se ir á afastada Nova York para formarse na famosa escola de Clarence White, coñecido por defender a fotografía como arte e por animar as mulleres a viviren da fotografía. Antes de decidir, Ruth envíalles un telegrama para preguntar que tipo de xente vai á escola. Respóndenlle: “Very nice people, thanks!”. Arrisca e vai. É 1918, perdura a Guerra Mundial, e pasa invernos de frío e restricións na grande cidade. De White dirá que recibiu “cousas marabillosas” e aprende a resaltar o papel da luz na composición.

Ao terminar os estudos de fotografía, fica en Nova York e dedícase á decoración de interiores. A White parécelle que malgasta o seu talento. Así que en 1921 Ruth recibe unha chamada:

«A Hispanic Society of America quere unha fotógrafa, que sexa nova e cristiá. O señor White recomendouna e gustaríalle que se presente. Neste momento non está a facer nada importante, non é?»”

Ruth dubida de novo, mais White insiste, e acepta ir a unha entrevista, onde lle din que

o traballo non será doado, non lle podo definir en que consistirá, mais estea segura de que precisará de todas as habilidades de que dispoña…”.

“Interesante”, pensa ela. Nada para motivala como un desafío. Entrevístase tamén co fundador da Hispanic Society, Archer Milton Huntington, que incide en que

Esiximos excelencia… Será traballo moi duro… Non podemos prometerlle nada...”.

Acepta de inmediato, consegue o seu primeiro contrato como fotógrafa e inicia unha relación laboral coa Hispanic que durará o resto da súa vida. Ao principio traballa no museo, até que o destino dá un novo xiro e deciden mandala rexistrar traxes tradicionais e costumes a España durante un ano, cobrando polas fotografías que envíe. E ante os desafíos, Ruth non dubida. Mais que era a Hispanic e que quería de Ruth? Diso falaremos na seguinte parada.

E por que estamos aquí? Para responder temos que adiantarnos na historia. Ruth e o seu pai, Alfred, chegan en barco a Vigo o 7 de agosto de 1924. Visitan varias vilas antes de viren a Compostela o 26 de setembro desde Pontevedra nun Castromil, como os que estacionan á porta da oficina de Castromil, que se situaba no número 4 da Praza de Fuenterrabía, ou talvez o fixo na Senra, como outros buses.

Avancemos, como probabelmente fixeron Ruth e seu pai, até o cantón do Toural.